Blogia
María Jesús

As primeiras ideas sobre a orixe da vida.

Durante a historia da humanidade, xurdiu a pregunta sobre cal era a orixe da vida. Ante esta, temos diferentes teorías, que varían dende a relixión ata a ciencia. A primeira das hipóteses que barallou o ser humano foi o Creacionismo, que actualmente aínda se conserva co nome de Deseño Intelixente, xa que a ciencia (aínda que desenrolou numerosas teorías), non logrou desbancar á relixión.

1. CREACIONISMO

Denominámolo así xa que está baseado na crenza, inspirada en dogmas relixiosos, de que a Terra e todos os seres vivos que nela habitan, foron produto dun acto de creación por parte dun ser superior e divino; e que este acto responde a un determinado propósito.

Existen diferentes teorías dentro do Creacionismo.

Ø Creacionismo clásico: Aqueles que defenden esta teoría están en contra da evolución biolóxica e non aceptan como probas da mesma os fósiles, as probas xenéticas... Ademais diso, interpretan literalmente a Biblia, sen concretar unha forma científica de entender a orixe das especies e da vida en xeral.

Ø Creacionismo contemporáneo:

o Creacionismo anti-evolución actual: A diferencia do Creacionismo clásico, este acepta e trata de utilizar probas aportadas polas ciencias naturais, de aí que os seus partidarios o chamen Creacionismo científico. Sen embargo, estes non seguen o método científico e os feitos que presentan non son falsables e poden estar, en moitos casos, modificados ou terxiversados. Isto provoca que non sexa tido en conta pola comunidade científica, senón como unha proposición pseudocientífica.

o Deseño intelixente: É unha variante do Creacionismo, xa que os seus partidarios non fan explícita a súa motivación relixiosa, senón que intentan negar a validez das explicacións científicas sobre a orixe das estruturas biolóxicas. Para iso, conclúen que é necesaria a intervención dun ser intelixente para a creación das mesmas.É presentado polos seus seguidores como unha alternativa ao Neodarwinismo. Para os científicos, esta tamén é unha teoría pseudocientífica, xa que non formula hipóteses contrastables.

o Creacionismo pro-evolución: Este tipo de Creacionismo está considerado a favor da evolución e adopta unha postura filosófica chamada evolución teísta. Cren na existencia dun creador e un propósito, pero aceptan que os seres vivos son o produto dun proceso de evolución natural. Esta forma de Creacionismo non interfire na práctica da Ciencia, xa que non se presenta como unha alternativa ao Neodarwinismo, senón como uncomplemento filosófico/relixioso á teoría da evolución.

 

2. A XERACIÓN ESPONTÁNEA. REDI E PASTEUR.

A xeración espontánea é unha teoría que afirmaba que os seres vivos simplemente aparecían, e que proviñan das materias inertes como o barro ou o esterco. Esta teoría estivo en vixencia ata finais da Idade Media aproximadamente, etapa na que comezaron a xurdir novas ideas, moitas delas relacionadas coa relixión e coa orixe divina da vida.

A comezos do século XVII comezou a cuestionarse esta teoría.

Destacamos o experimento realizado por Francesco Redi no que demostrou que a orixe da vida non era espontánea. Este experimento consistía en meter dous anacos de carne en dous recipientes diferentes, un aberto e outro pechado hermeticamente. Redi observou que so aparecían larvas no recipiente aberto, onde as moscas podían poñer os ovos. A pesar deste convincente experimento, non se rechazou totalmente a idea da xeración espontánea, pois esta, estaba fortemente implantada na sociedade da época.

Na segunda metade do século XIX Luís Pateur probou que os microbios se orixinaban a partir doutros microorganismos. Pasteur e Redi estudaron o mesmo fenómeno de forma independente. Pasteur utilizou dous matraces moi alargados que se van facendo cada vez máis finos ata rematar nunha pequena abertura. Neles meteu caldo, e herviunos para poder eliminar todos os microorganismos. Pasado algún tempo, ao observar que non se producían cambios, cortou o tubo dun dos matraces. O matraz aberto tardou moi pouco en descompoñerse mentres que o cerrado non presentou cambios. Pasteur demostrou mediante este experimento que os microorganismos tampouco proviñan da xeración espontánea. Finalmente aceptouse de forma xeneralizada o principio que dicía que todo ser vivo procede doutro ser vivo.

3. HIPÓTESE DA PANSPERMIA

1. Panspermia orixinal.

A teoría da Panspermia foi defendida polo químico Arrhenius en 1906 e afirmaba que a vida na terra xurdiu debido á viaxe interestelar de seres doutros planetas que xa albergaban vida. Propuxo que as células que carecían de protección viaxaban baixo unha fina capa de carbón que servía para contrarrestar os efectos da radiación ultravioleta (radio-panspermia). A pesar disto, esta hipótese está descartada na actualidade, xa que son necesarios varios litros de auga ou rochas para a mesma protección fronte ós raios cósmicos.

Esta hipótese foi cuestionada xa que é moi pouco probable que nos primeiros momentos da formación da Terra, os organismos puideran soportar as elevadas temperaturas. Por outra banda, cando o noso planeta comezou a enfriarse, a contribución cósmica diminuíu.

2. Panspermia actual.

Aínda que a panspemia orixinal foi moi cuestionada e non chegou a resolver as preguntas con respecto á orixe da vida, tampouco foi descartada, e os científicos da actualidade desenvolveron novas hipóteses baseándose na orixinal de Arrhenius. Non todas son interesantes, pero existen algunhas que poden achegarnos ó que nós buscamos e converterse en revolucionarias, xerando grandes titulares nos medios de comunicación.

Ø Pseudo-panspermia: Esta hipótese defende a chegada de compostos orgánicos complexos procedentes doutros lugares do Universo, para formar o caldo primordial onde os compostos se foron almacenando ata xurdir os primeiros rastros de vida. Esta teoría foi amplamente aceptada.

Ø Panspermia básica: Esta idea afirma que a vida microbiana está presente en forma de asteroides ou cometas e pode chegar intacta á superficie dos planetas e iniciar entón a súa evolución adaptándose as condicións de cada lugar. Se estas formas escaparan en forma de fragmentos despois da colisión dun meteorito esta teoría recibiría o nome de panspermia de impacto, meteórico ou litopaspermia. Segundo esta teoría, estos viaxes só poderían realizarse entre planetas.

Ø Panspermia dirixida: Xurdiu en 1973 grazas a Francis Crick e a Leslie Orgel, que propuñan que a chegada á Terra de vida se debeu a unha nave espacial enviada por seres intelixentes doutro planeta, ao darse conta de que era moi difícil que nun meteorito se puidera sobrevivir á radiación.

Ø Panspermia moderna: Propón que son os cometas os vehículos portadores, xa que son capaces de protexer as células dos raios ultravioletas e da radiación cósmica. Tamén son capaces de deixalas na parte alta da atmosfera e descender lentamente. Ademais diso, se se comproba a inmortalidade das esporas bacterianas, os cometas poderían transportalas por toda a galaxia.

Hai outra hipótese da panspermia, chamada panspermia firme, que amplía o concepto moderno á evolución. Segundo esta, os xenes son instalados por transferencia xenética e non mediante a copia dos mesmos e a corrección dos erros dun sistema bacteriano.

A teoría moderna da panspermia difire da orixinal, que mantiña que foron necesarias moléculas orgánicas como primeira etapa na formación dos seres vivos na Terra. Segundo numerosos científicos, a Panspermia non é tan eficiente como para ser tida moi en conta na explicación da orixe da vida no noso planeta.

 

Mª Jesús Aguiar Pazos, nº 1

Claudia Cid Nieto, nº 9

Lara Salgado Santos, nº 25

0 comentarios